Inicio Carballo ao día Novas Concello e Xunta volverán a colaborar para...

Concello e Xunta volverán a colaborar para que a senda peonil de Carballo a Coristanco inclúa todos os servizos

O alcalde aproveitou a visita da conselleira Ethel Vázquez á senda peonil e ciclista de Bértoa, que xa está rematada, para pedirlle unha actuación similar pola outra beira

Luns 23 de abril do 2018

O Concello e a Xunta repetirán no treito de Carballo a Coristanco a fórmula utilizada para a execución da senda peonil e ciclista de Bértoa. Deste xeito, a Administración local financiará a instalación dos servizos urbanísticos e a autonómica, o tratamento en superficie. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o alcalde, Evencio Ferrero, coincidiron, durante a visita que realizaron hoxe á senda de Bértoa, na conveniencia de aproveitar as obras para soterrar xa todos os servizos para evitar ter que levantar os pavimentos no futuro.

Do mesmo xeito que esta senda mellora a mobilidade peonil e ciclista entre o casco urbano e o polígono industrial, a de Coristanco facilitará o acceso á principal fábrica do municipio, Conservas Calvo

A actuación realizada en Bértoa, que xa está rematada, forma parte do Plan de sendas de Galicia para a comarca de Bergantiños, e, segundo indicou a conselleira, “facilitará os desprazamentos dos veciños e contribuirá a unha mobilidade segura e sustentable, permitindo completar un itinerario continuo, pola marxe dereita da estrada, desde o parque empresarial ata as beirarrúas existentes no núcleo de Carballo”.

A diferenza doutras actuacións que se están a levar a cabo en distintos puntos de Galicia, neste caso incorpóranse todos os servizos grazas á achega do 30% do orzamento, que acadou 1,1 millóns de euros, por parte do Concello de Carballo, e ademais habilítase un carril bici. O trazado incorpora unha franxa axardinada e zonas de aparcamento.

Futuras actuacións

A senda inclúe sinalización horizontal propia

A senda inclúe sinalización horizontal propia

Do mesmo xeito que esta senda mellora a mobilidade peonil e ciclista entre o casco urbano e o polígono industrial, a de Coristanco facilitará o acceso á principal fábrica do municipio, Conservas Calvo. A conselleira anunciou que as obras, que tamén roldarán o millón de euros, serán licitadas este ano. O Concello de Carballo, pola súa banda, financiará a parte dos servizos con cargo ao superávit do 2017.

Evencio Ferrero tamén aproveitou a visita de Ethel Vázquez para insistir na necesidade de actuar na outra beira da travesía de Bértoa, como xa ten solicitado, coa finalidade de completar a urbanización dunha das principais vías de acceso ao noso concello.

Compartir: