Inicio Carballo ao día Novas Asinado o contrato para a execución das...

Asinado o contrato para a execución das melloras urxentes nas redes de abastecemento e saneamento

O Concello de Carballo investirá 134.068 euros para acometer pequenas actuacións que permitirán mellorar o servizo en varias zonas urbanas e rurais

Luns 23 de abril do 2018

A sinatura do contrato tivo lugar este mediodía na Alcaldía

A sinatura do contrato tivo lugar este mediodía na Alcaldía

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou hoxe coa empresa local Construcciones Vázquez y Reino o contrato para a execución do proxecto de “Melloras urxentes nas redes de abastecemento e saneamento de Carballo”, incluído no canon da auga do ano pasado. O Concello investirá un total de 134.068 euros en pequenas actuacións que, sen embargo, permitirán mellorar o servizo en varias zonas urbanas e rurais. O prazo establecido para levar a cabo as obras é de tres meses.

O obxectivo deste proxecto é acometer distintas actuacións de pouca envergadura pero que, sen embargo, teñen unha repercusión importante na calidade do servizo para un importante número de usuarios e axudarán a paliar roturas nas redes de fibrocemento.

Deste xeito, por exemplo, na zona do Igrexario actuarase nas rúas Río Mandeo, Concordia, Río Tambre e Río Ulla, en todos os casos para realizar as conexións que permitan pechar a malla. Así, ademais de mellorar as presións ou ampliar a rede de abastecemento, minimizaranse os efectos en caso de avaría.

Tamén está previsto pechar a malla na zona da avenida dos Abetos para facilitar a renovación das augas en todo ese ámbito de vivendas unifamiliares, mellorar as presións e dar continuidade á rede. Outra das melloras urxentes é a substitución das canalizacións do polígono de Bértoa nun tramo de 330 metros a partir do depósito elevado, xa que está en malas condicións e son frecuentes as avarías. O reforzo da presión en Xoane e a substitución de válvulas inoperativas en varias rúas de Carballo son outras actuacións proxectadas. Dentro do casco urbano tamén se acometerá a renovación da rede nun treito da rúa Vila de Corcubión.

A única obra de saneamento consistirá na construción dun novo colector cunha lonxitude duns 150 metros na rúa Vila de Negreira, para solucionar un problema de atascos e vertidos provocados polo mal estado da rede e agravado pola existencia dun treito de canalización a contrapendente.

Compartir: