Inicio Carballo ao día Novas Arranca a campaña contra a avespa velutina...

Arranca a campaña contra a avespa velutina coa colocación de trampas nos espazos públicos axardinados

A primeira raíña da temporada foi capturada nunha das trampas instaladas polo alumnado da escola unitaria de Berdillo

Venres 23 de marzo do 2018

A colocación das trampas empezou hoxe na Praza de Galicia

A colocación das trampas empezou hoxe na Praza de Galicia

A campaña de trampeo da vespa velutina promovida polo Concello de Carballo xa está en marcha. Persoal da empresa de control de pragas, Plaguiber, comezou hoxe a colocación de trampas nos espazos públicos axardinados do casco urbano, facendo especial fincapé naqueles nos que hai camelias, rododendros ou outras especies con flores, que resultan moi atractivas para os insectos nesta época do ano.

A campaña, que se estenderá a todo o territorio municipal grazas á colaboración dos/as apicultores/as locais, intensificarase a semana que vén. O obxectivo é reducir na medida do posible a poboación de raíñas e, en consecuencia, de niños, dada a progresión que está a rexistrar a praga de avespa asiática nos últimos anos en toda Galicia. No noso concello temos o exemplo, xa que no ano 2015 localizáronse e retiráronse 12 niños, no 2016 xa aumentaron a 249 e no 2017 incrementáronse ata 647, que supuxeron, ademais do custe medioambiental, un gasto económico superior aos 35.000 euros.

Raíña de vespa velutina capturada en Berdillo

Raíña de vespa velutina capturada en Berdillo

Este ano, ademais dos/as apicultores/as, contamos coa colaboración dos centos de nenas e nenos que participaron na campaña divulgativa realizada nos colexios de primaria do municipio e Aspaber. De feito, a primeira raíña da temporada foi atrapada onte na trampa que colocaron os/as alumnos/as de Berdillo no recinto da escola unitaria. Unha parte moi importante da campaña escolar consistiu en ensinar aos nenos e nenas a preparar as súas propias trampas. Só fai falla unha botella de plástico e un líquido atraínte, que pode ser calquera líquido doce (zume, auga con azucre...) que é convinte renovar cada 15 días, e agardar a que as avespas caian na trampa.

Descargas

Compartir: