Inicio Carballo ao día Novas O Ministerio de Facenda ingresa despois de tres...

NO DÍA DA AUGA, O CONCELLO DE CARBALLO REITERA O SEU COMPROMISO COA PROTECCIÓN DOS RECURSOS HÍDRICOS E COA EXECUCIÓN DO PLAN DIRECTOR DE ABASTECEMENTO

O Ministerio de Facenda ingresa despois de tres anos 1,1 millóns de euros pendentes da subvención do proxecto Anllóns-Bardoso

A segunda captación, que superou os 4 millóns de euros, xa permitiu garantir o abastecemento en condicións de cantidade e calidade durante a recente seca

Xoves 22 de marzo do 2018

O Concello de Carballo vén de recibir un ingreso de 1.153.686,80 euros polo que estaba agardando desde hai 3 anos. Esa é a cantidade que o Ministerio de Facenda tiña pendente de saldar pola subvención do proxecto Anllóns-Bardoso. A construción da segunda captación de auga de Carballo, que supuxo un investimento total de 4.145.796,56 euros, foi cofinanciada nun 70% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), que fai os pagos aos municipios a través do Estado. O Concello de Carballo tivo que adiantar no seu momento eses 4 millóns de euros. En setembro do ano 2015 o ministerio transferiu os primeiros 1,7 millóns, pero houbo que esperar ata agora pola parte que faltaba para completar os 2.902.057,59 euros aprobados pola UE xa no ano 2011.

O ingreso é unha boa nova xustamente cando estamos a celebrar o Día Mundial da Auga. O Concello de Carballo incrementa os recursos municipais con 1,1 millóns de euros, pero non poderá destinalos á execución de novas infraestruturas hidráulicas nin a ningún outro tipo de investimento porque implicaría superar o teito de gasto que ten marcado o noso concello polo propio Ministerio de Facenda.

Aínda así, o goberno municipal reitera o seu compromiso coa protección dos recursos hídricos e coa execución do plan director de abastecemento, os dous obxectivos que marcaron a forte aposta realizada no seu momento polo proxecto Anllóns-Bardoso. A nova captación xa permitiu garantir no verán e no outono pasados, coincidindo cunha das peores secas dos últimos anos, o subministro de auga á poboación en condicións de cantidade e calidade. As instalacións están dimensionadas para unha poboación de 45.000 habitantes, incluíndo o polígono industrial e todos os núcleos rurais de máis de 50 habitantes.

De feito, o Anllóns-Bardoso é a primeira peza dun plan de abastecemento integral a todo o municipio que terá continuidade este mesmo ano cun novo investimento de 1,7 millóns de euros para estender a rede ás parroquias de Oza e Razo, e de cara ao ano 2019 estamos traballando xa no proxecto que completará o subministro ao resto das parroquias costeiras. E no futuro tamén será posible ampliar a rede cara as parroquias do sur, ao longo das estradas de Santiago e Ordes, co cal quedará garantido o servizo en todo o territorio.

O proxecto Anllóns-Bardoso tamén potencia o desenvolvemento sostible a partir da posta en valor do recurso da auga. Nese sentido, o proxecto inclúe outras dúas liñas de actuación centradas no achegamento dos sistemas fluviais á cidadanía a través como as rutas que se foron trazando nos últimos anos e outra na educación e formación ambiental co obxectivo de fomentar o consumo responsable da auga, como se vén de facer, por exemplo, coa colocación de carteis nos aseos de todos os edificios públicos. Non hai que esquecer que durante a última seca o Concello de Carballo tivo que abastecer con camións cisterna un total de 52 depósitos veciñais ao longo e ao ancho do municipio.

Vídeos

Compartir: