Inicio Carballo ao día Avisos Aberto o prazo para participar no concurso do...

Aberto o prazo para participar no concurso do cartel das festas de San Xoán 2018

Luns 19 de marzo do 2018

Entre o 19 de marzo e o 19 de abril está aberto o prazo para participar no concurso do cartel que anunciará as festas de San Xoán 2018. O premio, dotado con 450 euros, está patrocinado por Opticalia Enríquez. As bases da convocatoria son as seguintes:

Cartel gañador da última edición

Cartel gañador da última edición


  1. FINALIDADE: É obxecto do presente concurso a selección do cartel que anunciará as festas de San Xoán 2018, organizadas pola Comisión de Festas de San Xoán 2018, e que se celebrarán no municipio de Carballo entre o 21 e o 25 de xuño de 2018.
  2. NÚMERO DE OBRAS E TEMA: Poderán participar neste Concurso todas as persoas que o desexen. Cada autor/a só poderá presentar unha obra. Non poderán participar os/as concursantes que resultaran gañadores/as nas últimas dúas edicións deste concurso. A técnica a utilizar será libre dentro dos límites usuais para permitir unha normal reproducción fotomecánica. As obras serán inéditas e os motivos do deseño son libres, se ben deberá figurar o seguinte lema: SAN XOÁN 2018 / do 21 ao 25 de XUÑO / CARBALLO
  3. FORMATO: O cartel realizarase en vertical, e o seu tamaño deberá estar comprendido entre 40 e 55 cm de base e 55 e 75 cm de altura.
  4. PREMIO: A dotación do premio é de 450 € e está patrocinada por OPTICAL¡A ENRÍQUEZ. Á contía do premio aplicaráselle a retención fiscal correspondente.
  5. FORMA DE PRESENTACIÓN: Nos carteis non deberá constar o nome do/a autor/a , figurando na parte posterior o pseudónimo empregado. Cada traballo irá acompañado dun sobre pechado, que no exterior levará escrito o pseudónimo do/a autor/a, e no interior o nome completo do autor/a, enderezo, teléfono, enderezo electrónico e pseudónimo empregado.
  6. LUGAR, PROCEDEMENTO E PRAZO DE PRESENTACIÓN: Os traballos deberán presentarse na Concellaría de Cultura do Concello de Carballo, persoalmente ou por correo certificado, entre o 19 de marzo e o 19 de abril de 2018. No exterior do sobre que conteña o cartel deberá constar: CONCURSO DO CARTEL DAS FESTAS DE SAN XOÁN 2018 / Concello de Carballo / Pazo da Cultura / Rúa do Pan, s/n / 15100 Carballo (A Coruña).
  7. XURADO: O xurado estará constituído por un mínimo de catro membros da Comisión de Festas e un representante do Concello de Carballo. A decisión do xurado é inapelable e adoptarase por maioría simple entre os seus membros. O xurado resérvase o dereito de declarar deserto o concurso.
  8. DEVOLUCIÓN DE OBRAS: Os orixinais que non resulten premiados poderán recollerse no Pazo da Cultura entre o 17 de xullo e o 17 de agosto de 2018, previa solicitude. Despois desta data entenderase que os autores renuncian aos mesmos.
  9. DEREITOS DE AUTORÍA: A Comisión de Festas resérvase o dereito de publicar a obra premiada. Neste sentido, o/a autor/a renuncia a favor do Concello de Carballo a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor. A participación neste concurso supón a plena aceptación das presentes bases.
  10. ENTREGA DO PREMIO: O/A autor/a premiado/a comprométese a estar presente no acto de entrega do premio.

Compartir: