Inicio Carballo ao día Novas O Consello Parroquial seguirá traballando...

O Consello Parroquial seguirá traballando para intentar que Afaber poida instalar en Artes o seu centro de día

A veciñanza interesouse, entre outros temas, polas inminentes obras de saneamento en varios lugares de parroquia

Venres 16 de marzo do 2018

O Consello Parroquial de Artes non se resigna, e malia as dificultades que presenta o proxecto, seguirá traballando para intentar que Afaber poida instalar o seu centro de día na antiga casa reitoral. Na xuntanza celebrada este xoves deuse conta da visita realizada polo presidente da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Bergantiños, Jesús Villar; o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e varios representantes veciñais ao edificio, que na súa situación actual non reúne ningún dos requisitos imprescindibles para que a Xunta de Galicia autorice a posta en marcha dun centro de día para enfermos/as de alzhéimer. Afaber enviou unha carta de agradecemento ao Consello Parroquial polo ofrecemento.

A parcela que alberga a casa reitoral ten unha superficie de 1.009 metros cadrados. Segundo Catastro, o edificio ocupa unha superficie de 200 metros cadrados en dúas plantas, pero o centro de día requiriría como mínimo 250 metros totalmente accesibles, preferentemente nun único andar. A solución, polo tanto, pasaría polo derrubo do inmoble, que se atopa en moi malas condicións, e a construción dun novo de planta baixa que podería ocupar, segundo a normativa urbanística, un máximo de 400 metros cadrados.

Pero antes de acometer unha actuación dese tipo é preciso que se dean varios requisitos, pero os dous primeiros, e imprescindibles, serían a cesión do terreo por parte do Arzobispado, que é o seu titular, por un mínimo de 30 anos, xa que o Concello de Carballo ou calquera outra Administración non podería realizar un investimento tan importante nunha propiedade privada, e o visto bo da parroquia para realizar a demolición, xa que, segundo explicaron, o edificio foi construído polos veciños. O Consello Parroquial porá mans á obra para intentar cumprir esas condicións e que o proceso poida seguir adiante.

Outros asuntos

Na xuntanza deste xoves informouse sobre o inminente inicio das obras de saneamento no Barral, Feira de Berdillo e Quintela, cun investimento de 162.175,09 euros, que permitirá dar servizo a moitas vivendas. Tamén se comentaron distintos aspectos relativos a obra de reforma do local social, prevista para as vacacións de verán, xa que o edificio é compartido coa escola unitaria, e por parte da veciñanza insistiuse na necesidade de arranxar a pista de acceso. A este respecto, o alcalde, Evencio Ferrero, sinalou que o Concello de Carballo fará un proxecto de pavimentación con cemento similar ao desenvolvido en Cances ou ao que se fai levar a cabo agora no Rodo. Os/as veciños/as tamén queren que se solicite á Deputación a ampliación e mellora da estrada provincial. Ademais do alcalde, na reunión estiveron presentes Luis Lamas, en representación do BNG; Cristian Puente, do PP, e Estefanía Canosa, de TeGa.

O Consello Parroquial de Artes, por outra banda, quedou encargado de preparar, como se está a facer en todas as parroquias, unha relación de puntos de luz que sería preciso repoñer co contrato de ampliación do servizo que se está elaborando. O servizo de recollida de lixo e as carencias de cobertura de Internet foron outros dos asuntos abordados. Por último, a próxima xuntanza quedou fixada para o 13 de setembro.

Compartir: