Inicio Carballo ao día Novas O venres 16 presentaranse os resultados do...

O venres 16 presentaranse os resultados do diagnóstico da mobilidade urbana nun acto aberto a toda a cidadanía

O proceso de elaboración da estratexia de mellora e xestión do espazo público entra na súa segunda fase, centrada na participación veciñal

Venres 9 de marzo do 2018

A segunda fase do proceso de elaboración da Estratexia de mellora e xestión do espazo público urbano inclúe unha serie de actividades centradas na participación veciñal. Entre elas figura a presentación pública dos resultados do diagnóstico da mobilidade urbana, que se realizará o vindeiro venres 16 de marzo, a partir das 16 horas, na Biblioteca Rego da Balsa. O acto será aberto a toda a cidadanía, aínda que para facilitar o desenvolvemento do taller, que se prolongará durante unhas catro horas, aconséllase confirmar asistencia chamando ao 981 704 700 ou enchendo este formulario.

Despois da presentación do documento recolleranse as achegas da veciñanza, que serán engadidas ao documento final de Diagnóstico participado, e ademais recolleranse as propostas de actuación orientadas a resolver problemas de mobilidade identificados no diagnóstico.

O taller dividirase en dúas partes. A primeira consistirá unha exposición informativa dos traballos realizados e os resultados acadados. Na segunda crearanse grupos de traballo sectoriais sobre aspectos concretos, como a mobilidade peonil, o transporte público, o aparcamento ou a circulación, entre outros. En cada grupo haberá unha persoa que se encargue de coordinar e tomar nota dos asuntos abordados para a súa posta en común ao remate. En definitiva, o obxectivo é identificar os problemas, elaborar propostas de solución e poñelas en común.

Compartir: