Inicio Carballo ao día Novas O sorteo dunha viaxe a illa de Madeira pon fin...

REMATA #SEMECACHADESCÓNTOVOS

O sorteo dunha viaxe a illa de Madeira pon fin á intensa campaña de promoción do comercio local durante o Nadal

Parabéns a Soraya Varela Vilanova, que gozará de 8 días de vacacións, en réxime de aloxamento e almorzo, xunto á persoa que ela queira

Venres 12 de xaneiro do 2018

O sorteo realizouse hoxe no Museo de Bergantiños

O sorteo realizouse hoxe no Museo de Bergantiños

Despois de 37 intensos días de promoción do noso comercio, as feiras e os mercados, o sorteo dunha viaxe á illa de Madeira puxo fin á campaña de promoción organizada pola Concellería de Promoción Económica durante o Nadal. Unha vez máis, o comercio carballés estivo a unha gran altura, xa que acadamos o teito de 70 establecementos participantes e repartimos máis de 7.000 premios entre os/as consumidores/as que apostan por mercar en Carballo.

No sorteo celebrado hoxe no Museo de Bergantiños foi extraída ao azar unha das tarxetas depositadas por Soraya Varela Vilanova, que poderá gozar, xunto á persoa que ela queira, dunha viaxe de 8 días-7 noites á illa de Madeira, en réxime de aloxamento e almorzo. No sorteo participaron as persoas que reuniron as tarxetas coas seis ilustracións diferentes do ratiño da campaña #semecachaDEScóntovos deseñadas por Laura Tova.

Ademais destas atractivas vacacións, a iniciativa da Concellería de Promoción Económica incluíu unha campaña publicitaria a nivel provincial, unha ludoteca que estivo aberta na planta alta do Mercado Municipal do 26 ao 29 de decembro, animación teatral, 7.300 agasallos directos (bolsas, libretas, bolígrafos, mochilas...), 138 experiencias (baños termais, almorzos, xantares ou ceas nos establecementos que contan co selo Carballo Compromiso Calidade) e descontos do 10 ao 15% nos establecementos participantes, todos eles a través dos “rasca” que se entregaban por cada 30 euros de compra.

Compartir: