Inicio Carballo ao día Novas Agosto e decembro son os meses de máis...

Agosto e decembro son os meses de máis visitas no Museo de Bergantiños e na Oficina de Información Turística

Aínda que o público local é maioritario, entre o turismo nacional destaca o madrileño e entre o internacional, o alemán

Xoves 11 de xaneiro do 2018

Na oficina de turismo foron atendidas o ano pasado 2.553 persoas

Na oficina de turismo foron atendidas o ano pasado 2.553 persoas

Agosto e decembro son os meses de maior actividade turística no noso concello, se extrapolamos os datos das visitas rexistradas no Museo de Bergantiños e na Oficina de Información Turística de Carballo. Case o 36% das persoas que pasaron o ano pasado polo emblemático edificio da rúa Martín Herrera, no que, por certo, realizaremos este ano un importante investimento para garantir a súa conservación, fixérono nesas dúas épocas. Agosto é o mes vacacional por excelencia, e iso reflíctese nunha maior presenza de visitantes procedentes doutros puntos do territorio nacional e do estranxeiro, mentres que no Nadal o público é practicamente local.

A actividade no Museo de Bergantiños é moito maior coincidindo con actividades concretas, como as festas de San Xoán ou a campaña #semecachaDEScóntovos, xa que é o lugar de referencia para recoller información, inscribirse en determinadas actividades ou solicitar material. Tamén se dispara cando se ofrecen produtos concretos como o calendario ou o libro Contos mariños de Carballo, que, por certo, aínda están á disposición de todas as persoas interesadas. Pero a maior parte das persoas que acoden ao edificio é porque queren velo por dentro ou, sobre todo, porque queren saber máis sobre Carballo (un 41%) ou a Costa da Morte (un 35%).

No 2017 visitaron o Museo de Bergantiños e Oficina de Información Turística con esas finalidades un total de 2.553 persoas. O turismo nacional é maioritario, cun 78%, e dentro deste destaca  local. O ano pasado recibimos a visitantes da gran maioría das comunidades autónomas, aínda que Madrid, cun 9,9% do total de visitantes, leva a palma. En canto ao turismo internacional, os máis frecuentes son o alemán e o francés, aínda que o primeiro case duplica ao segundo. Portugal, Uruguai, Arxentina, Reino Unido e Irlanda son outros países de procedencia d@s visitantes. Un 58% d@s turistas viaxan en grupo, e o resto repártense a partes iguais entre parellas e usuari@s individuais.

Compartir: