Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo levará a todos os...

DESDE O 1 DE XANEIRO ATA ONTE FORON RETIRADOS 638 NIÑOS

O Concello de Carballo levará a todos os colexios interesados formación específica sobre a vespa velutina

As concellarías de Obras e Servizos e Educación, a empresa concesionaria do servizo de control de pragas e os apicultores locais únense para achegar ao alumnado a información básica

Mércores 27 de decembro do 2017 Carballo ao día

A vespa velutina converteuse nun problema cidadán desde o momento en que empezaron a aparecer niños nas casas. “Antes –explica Isidro Rodríguez, responsable da empresa concesionaria do control de pragas- facían os niños nas beiras dos ríos, e en árbores a certa altura, polo que non eran perigosos para as persoas. Pero agora fanos en calquera sitio, co cal xa estamos ante un problema de saúde pública”. Se a este cambio de hábitos lle engadimos o crecemento exponencial da poboación de avespas asiáticas, parece claro que todas as medidas que se poidan tomar para loitar contra esta especie invasora son poucas.

Desde o Concello de Carballo estase a traballar arreo. Somos o único concello galego, como lembrou hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, cun servizo específico de loita contra a vespa asiática. “Só neste ano levamos investido 35.000 euros na velutina”, sinalou. Estes cartos serviron, como explicou o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, para levar a cabo na primavera unha intensa campaña de trampeo e para eliminar os niños que se foron detectando, 638 desde o 1 de xaneiro ata onte. No ano 2015 foron só 12 e no 2016 xa aumentaron a 249, o que dá unha idea da propagación da praga . “Decidimos pelexar contra ela con todos os posibles”, asegurou Luis Lamas, e unha das medidas que se vai poñer en marcha é unha campaña divulgativa en todos os colexios interesados.

Programa escolar

Desde a Concellería de Educación trasladouse a proposta aos centros educativos, “e todos amosaron interese”, apuntou a concelleira delegada da área, Mar Eirís. Despois das vacacións arrancará unha campaña que inclúe unha exposición básica sobre a vespa asiática, que irá acompañada por unidades didácticas adaptadas ás diferentes idades dos escolares. Persoal da empresa concesionaria e apicultores amosarán aos nenos e nenas o mesmo niño que puido verse hoxe pola mañá na presentación da campaña, pero tamén lles levarán un niño primario, outro seccionado para que vexan o interior, unha pértega, un traxe e outro material utilizado na loita contra a velutina.

Mar Eirís, Luis Lamas, Evencio Ferrero, Isidro Rodríguez e José Antonio Pereira, na presentación da campaña

Mar Eirís, Luis Lamas, Evencio Ferrero, Isidro Rodríguez e José Antonio Pereira, na presentación da campaña

Ademais, a formación incluirá a construción dunha trampa caseira, que, como sinalaron os apicultores presentes, teñen demostrado maior efectividade que as comerciais. Por iso, pídese que cada alumno/a leve dúas botellas de plástico o día da formación para aprender a facer a trampa. “É moi importante a colaboración veciñal, e se na casa de cada neno se coloca unha trampa pódese contribuír a que diminúa a presenza da avespa”, explicaron os apicultores. De feito, tanto José Antonio Pereira como Alberto Pose e Sebastián Caamaño coincidiron en sinalar que onde se trampeou arredor das colmeas houbo moita menor incidencia que onde non se fixo.

Os profesionais da apicultura destacaron o labor que se está a facer en Carballo e a colaboración do Concello, pero tamén coincidiron cos responsables municipais en que a loita contra e velutina debe ser global. “A Xunta ten que tomar conciencia do problema, porque é a que ten que velar polo control desta especie invasora. Fíxose relativamente ben coa pataca, pero coa vespa estamos desbordados, porque está claro que con dúas pértegas e dous traxes non se vai facer nada”, criticou o alcalde.

Compartir: