Inicio Carballo ao día Hemeroteca A tenda de roupa Miriñaque gaña por...

A tenda de roupa Miriñaque gaña por segundo ano consecutivo o concurso de escaparatismo de Nadal

A relación de establecementos premiados complétase, por esta orde, con Muebles Luis, Bambalina e Zocas

Martes 26 de decembro do 2017 Carballo ao día

O xurado reuniuse hoxe no Museo de Bergantiños

O xurado reuniuse hoxe no Museo de Bergantiños

O xurado non o tivo nada doado para escoller os catro mellores escaparates deste Nadal, porque o comercio de Carballo volveu a demostrar que está a un nivel altísimo en todos os parámetros, incluído o da decoración. Despois de percorrer e valorar cada un dos 20 participantes, a tenda de roupa Miriñaque, situada na rúa Valle Inclán, obtivo a mellor puntuación e acada por segundo ano consecutivo o primeiro premio, dotado con 800 euros. O segundo, que supón unha gratificación de 600 euros, correspondeu a Muebles Luis, o establecemento de decoración da rúa Berdillo. Con 400 euros será galardoado o esforzo de Bambalina, un comercio de artigos para bebés que se atopa tamén na rúa Valle Inclán. E o cuarto premio, dotado con 200 euros, vai parar á rúa do Hórreo, á zapatería Zocas.

O xurado - integrado por dúas representantes do Concello de Carballo, unha do CCA, outra de Axober, outro da asociación do Barrio da Milagrosa e outra do colectivo artístico Crea Formas- valorou a calidade artística, a composición, a iluminación, a utilización de elementos tradicionais do Nadal, a orixinalidade, o uso do galego e a dedicación. Tod@s os membros do tribunal, que se reuniron hoxe pola mañá no Museo de Bergantiños, destacaron o bo nivel dos 20 escaparates participantes, que foron, ademais dos catro galardoados, O armario de Pati, Floristería Taibo, Mar de Encuentros, Amai Store, Poppy, Floristería Tropicana, Ferretería Ángel Rama, Vinos Submarino, Colore Cosmética, Anim-Art, A fragua de Mo, Adamela, A nosa horta, Km Vertical, Mmmm Xeados e Atelier.

Con esta iniciativa, a Concellaría de Promoción Económica pretende recompensar a implicación e o esforzo do sector na mellora da imaxe comercial. O concelleiro delegado da área, Xosé Regueira, quixo transmitir a súa felicitación a todos os participantes por acadar ese obxectivo.



Galería

Compartir: