Inicio Carballo ao día Hemeroteca A campaña de aforro de auga promovida...

A campaña de aforro de auga promovida desde o Concello chega aos edificios públicos

Comezou a instalación de carteis nos que tamén se recomenda non usar máis papel do necesario e non utilizar o inodoro como papeleira

Martes 26 de decembro do 2017 Carballo ao día

En galego, castelán ou inglés, a mensaxe do Concello de Carballo no que se refire aos recursos hídricos está moi clara: “Aforra auga!” . E como hai que predicar co exemplo, non só temos pechadas desde hai meses as fontes ornamentais ou reducimos os baldeos, senón que tamén queremos contribuír a ese aforro en todos os edificios públicos.

Carteis coma este estarán nos aseos dos edificios públicos

Carteis coma este estarán nos aseos dos edificios públicos

Con esa finalidade estamos a instalar nos aseos de todos os inmobles municipais uns carteis nos que se convida a aforrar auga, pero tamén a non usar máis papel do necesario ou a non utilizar o inodoro como papeleira. Neste sentido, Carballo non é alleo ao problema que están a provocar, por exemplo, as toalliñas húmidas nas  estacións depuradoras. De feito, ademais de apelar á conciencia cidadá con campañas coma esta, dentro dos investimentos programados para este ano con cargo ao ciclo integral da auga figura a instalación dun sistema de desbaste automático na EDAR da Cepeira, que é a única do concello que carece del, e que resulta imprescindible para facer unha criba de este tipo de elementos sólidos que tantos problemas poden causar neste tipo de instalacións.

A colocación dos carteis, que tamén inclúen un código QR que enlaza coa web de Carballo Limpo, é unha medida máis dentro da política medioambiental do Concello de Carballo, para conseguir a implicación da cidadanía na protección dos recursos naturais a través de pequenos xestos cotiáns.

Compartir: