Inicio Carballo ao día Hemeroteca A música de Las Antonias envolveu a arte...

A música de Las Antonias envolveu a arte d@s creador@s de Carballo e Muxía no acto de inauguración de “Miradas 6”

A mostra estará ata ao 28 de xaneiro no 3º andar do Pazo da Cultura

Sábado 23 de decembro do 2017 Cultura

En Miradas 6 hai pintura, escultura, fotografía e gravado. Pero no acto inaugural da exposición colectiva de creadores/as vinculados/as a Carballo e Muxía houbo, ademais, música. Dúas das tres integrantes do conxunto coruñés Las Antonias achegáronse ata o Pazo da Cultura para converter Dos gardenias en Mil antonias, para darlles máis voltas en clave de humor -e tamén reivindicativo- a outros temas igual de clásicos que o de Machín, ou mesmo para facer a súa propia reinterpretación da regueifa.

Antes de que empezara a soar a música tomaron a palabra o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; Esther Chamoso, en representación do colectivo de artistas, e o alcalde, Evencio Ferrero, quen salientou a importancia de que iniciativas coma esta contribúan a tenden pontes entre vilas como Carballo e Muxía. O percorrido pola exposición e un aperitivo alongaron a cita ata pasadas as 21 horas.

A partir de hoxe Miradas 6 poderá visitarse todos os días da semana, en horario de 17.00 a 21.00, ata o 28 de xaneiro. O público atopará obras de diferentes temáticas, técnicas, estilos e modalidades artísticas asinadas por Adriana Díaz, Antonio Fernández Martínez, Antonio Taracido, Chiña, Cristina Castro, Esther Chamoso, Francisco Javier Rodríguez, Isa Fernández, Lola Oviedo, Manuel Eirín, María Marticorena, Milagros Cotelo Rama, Mon Lendoiro, Nolo Suárez, O ‘Miguelo, Peter Kramer, Risé, Santi Picos, Teresa Búa, Teresa Candal, Viki Rivadulla, Xervaxio Sar Vilela e Xesús Búa.



Galería

Compartir: