Inicio Carballo ao día Novas O plan de pavimentación con cemento de...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

O plan de pavimentación con cemento de núcleos singulares esténdese ao lugar do Rodo, en Oza

O Concello de Carballo investirá nas obras 235.949,19 euros, procedentes do superávit do ano pasado

Luns 18 de decembro do 2017

A Xunta de Goberno Local iniciou na sesión ordinaria de hoxe o procedemento para a contratación das obras de conservación e mellora de rúas no núcleo rural do Rodo, na parroquia de Oza. A actuación, que conta cun orzamento de 235.949,19 euros, dará continuidade ao plan de pavimentación con cemento de núcleos singulares iniciado en Cances Grande, que se seguirá estendéndose a outros puntos do concello.

Evencio Ferrero e Luis Lamas, no Rodo

Evencio Ferrero e Luis Lamas, no Rodo

O proxecto do Rodo está financiado con cargo ao superávit do ano pasado, de 1,8 millóns de euros, tal como aprobou a corporación municipal en xullo. Algo máis da metade da cantidade total destinada ás parroquias rurais para completar o proceso de reforma  integral das vías secundarias e empezar co aglomerado de vías estruturantes, en concreto nas parroquias de Lema, Noicela, Rebordelos e Aldemunde, ademais de financiar a achega municipal á senda peonil e ciclista Carballo-Bértoa, que está moi avanzada. Na zona urbana o superávit vai destinado á reurbanización da contorna do CEIP A Cristina e á rúa do Sol.

Hoxe tamén se puxo en marcha o procedemento para a contratación dos servizos de dirección e docencia na Aula de Teatro do Concello de Carballo, cun orzamento de 19.989,20 euros por dous anos, que poderán prorrogarse por outros dous.

En materia de contratación tamén se aprobou a adxudicación a Arias Infraestructuras SA das obras de reposición da capa de rodadura no polígono industrial de Bértoa por un prezo de 109.894,21 euros. Os traballos serán cofinanciados polo Concello de Carballo e a Deputación da Coruña. Así mesmo, a Xunta de Goberno Local aprobou a modificación dos contratos das obras de reparación das vías secundarias nas parroquias de Sofán, Rus, Entrecruces e Aldemunde, tras detectarse un erro nas medicións.

Outros acordos

Polo que respecta a outros acordos, o goberno municipal outorgou unha subvención de 3.000 euros á Agrupación Deportiva Un Paso Máis e aprobou seis licenzas urbanísticas. Fóra da orde do día saíron adiante as gratificacións ao persoal municipal por 2.000 euros, foron aprobadas facturas por un total de 63.878,23 euros e tamén se resolveron as subvencións destinadas á promoción e fomento do deporte escolar, que suman 27.974,52 euros.

Compartir: