Inicio Carballo ao día Novas Xa están operativos os “bolardos” que...

Xa están operativos os “bolardos” que regulan o acceso rodado á rúa Desiderio Varela fóra do horario de apertura ao tráfico

A Policía Local reforzou pola mañá a información sobre a zona de carga, descarga e estacionamento limitado habilitada fronte a Casa San Ramón

Luns 18 de decembro do 2017

Ás 13 horas levantáronse os bolardos e a rúa Desiderio Varela quedou pechada ao tráfico agás para os/as propietarios/as de garaxes. Son unhas 80 persoas que dispoñen xa dos mandos a distancia que lles permiten accionar os bolardos en calquera momento, pero a circulación rodada en xeral limitarase ao horario matinal. Paralelamente empezou a funcionar a zona de carga e descarga situada fronte a Casa San Ramón, onde está permitido estacionar durante un tempo máximo de 15 minutos indicando nun papel a hora de chegada. Aínda que a área está delimitada con sinalización vertical, a Policía Local reforzou a información a pé de rúa.

A rúa Desiderio Varela estará aberta ao tráfico de luns a venres e os domingos de feira, en todos os casos só pola mañá. Os luns, martes, mércores e venres o horario de acceso libre é de 07.00 a 13.00 horas no período comprendido entre o 15 de setembro e o 15 de xuño. Os xoves e os domingos de feira a rúa está aberta na súa totalidade ata as 10 horas, coincidindo coa instalación dos postos dos feirantes, e a partir das 10 está parcialmente aberta, ata a rúa Colón, pola que se lle dá saída ao tráfico en dirección a Cervantes e Gran Vía. Os sábados, domingos non feirados e festivos, a Desiderio Varela permanece pechada.

Polo que respecta á rúa Jacinto Amigo Lera, o acceso realizarase agora desde Martín Herrera, tanto para entrar como para saír do aparcamento, para o cal procedeuse á sinalización correspondente. A circulación cara Desiderio Varela só está permitida para os/as residentes, que dispoñen tamén de mandos a distancia para accionar os bolardos.

Compartir: