Inicio Carballo ao día Novas Os coros O Candil e Vagalume puxeron a banda...

Os coros O Candil e Vagalume puxeron a banda sonora no acto de entrega dos premios do Concurso de Cartel e Postal de Nadal

Mercarte, o concerto de María do Ceo, festivais de diversas entidades e a festa de Nadal para as persoas maiores encheron de actividade cultural a fin de semana

Domingo 17 de decembro do 2017 Cultura

Gañadores/as do concurso de cartel e postal, membros do xurado, organizadores e patrocinadores [Fotos: Criss Becerra]

Gañadores/as do concurso de cartel e postal, membros do xurado, organizadores e patrocinadores [Fotos: Criss Becerra]

Esta fin de semana foi un claro exemplo de que o Nadal Cultural en Carballo chega a todas as idades e a todos os recunchos do noso concello, e de que ademais adopta as formas máis diversas. Puidemos comprobalo desde a noite do venres ata a do domingo na planta alta do Mercado Municipal, onde artistas locais ou vinculados/as ao noso concello ofreceron unha verdadeira exhibición de creatividade en Mercarte.

A feira da arte coincidiu o sábado cos festivais de Nadal organizados por Aspaber, onde apareceu por sorpresa Touriñán, e pola Asociación Cultural Aquelarre de Artes, co magosto da Asociación Ambiental Senda Nova e co pregón de Nadal na igrexa de San Xoán Bautista.

E tamén coincidiu coa entrega dos premios do Concurso de Cartel e Postal organizado polo Concello de Carballo. O alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; José Manuel Naya, en representación de Todo Lar, que patrocinou os agasallos, e membros do xurado acompañaron ás e aos premiados no auditorio do Pazo da Cultura. O acto contou ademais cunha fermosa banda sonora de Nadal grazas ás actuacións dos coros Vagalume e O Candil.

Os/as nenos/as premiados/as

Os/as nenos/as premiados/as

Este ano participaron no concurso 1.274 debuxos realizados por nenas e nenos de 14 centros escolares. David Nogareda Regueira, alumno do CEIP A Cristina de 10 anos de idade, foi o autor da postal gañadora, que se utiliza como portada do programa Nadal Cultural e felicitación oficial do Concello de Carballo; mentres que David Castiñeiras López, alumno do CEIP Gándara-Sofán de 6 anos, é o autor do cartel que decora xa as rúas e os escaparates do concello.

Ademais dos dous premios principais, dotados con 150 e 100 euros, respectivamente, o xurado outorgou accésits por valor de 60€ a Paula Blanco Fernández (3 anos, CRA Ponte da Pedra-Cances), Noa López Rodríguez (11 anos, CEIP Bergantiños), Chloe Souto Ávila (11 anos, CEIP A Cristina), María Lobera Lista (7 anos, CEIP Nétoma-Razo) e Noa Pena Vázquez (10 anos, CEIP A Cristina).

O domingo foi outro día intenso, con máis Mercarte durante toda a xornada, o animado concerto infantil de María do Ceo no Pazo da Cultura e o non menos animado baile para maiores organizado pola Concellería de Terceira Idade e amenizado por Rocío Pérez, que encheu o salón de actos da planta alta de música, de alegría e mesmo de emoción durante o xa tradicional sorteo de cestas de Nadal.

Compartir: