Inicio Carballo ao día Novas O senegalego Chekh Fayé presentará...

CONVERSA-PRESENTACIÓN DO LIBRO "SER MODOU MODOU"

O senegalego Chekh Fayé presentará en Carballo o seu libro e conversará sobre acollemento lingüístico e social

Sábado 16 de decembro do 2017 Lingua

Cheikh Fayé era mestre en Senegal ata que tivo que emigrar, desde hai 14 anos reside na Coruña, traballa pola zona vendendo en rúas e feiras –entre elas tamén nas de Carballo– e agarda poder obter a nacionalidade.

Sobre a súa chegada aquí, a nostalxia da súa terra, as dificultades, a vida dos inmigrantes africanos en Europa, a loita diaria por conseguir uns ingresos mínimos para sobrevivir e para poder mandarlle algo á familia que deixou lonxe, etc., comezou a tomar notas e a publicalas no blog https://senegaliza.wordpress.com/, que agora se converteu en libro co título Ser modou modou (“Modou” é o nome xenérico co que se coñecen os inmigrantes africanos en Europa), editado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega. E todo isto, como é feito desde aquí, en Galicia, quixo facelo en galego, na nosa lingua, en sinal e como exemplo de integración social e lingüística nesta terra que o está acollendo.

Para presentar este libro estará o vindeiro martes, día 19 de decembro, na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo, nun acto que comezará ás 19.30 h, con entrada libre. Pero non só presentará o libro, senón que conversará sobre a vida dun inmigrante africano na nosa terra que sobrevive diariamente vendendo, e sobre acollemento lingüístico, cultural e social.

E para falar de integración lingüística participarán no acto tamén alumnas e alumnos do obradoiro de acollemento lingüístico que está tendo lugar no Fórum Carballo, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística.

Unha mirada limpa e didáctica sobre Galicia

Tal e como se indica no prólogo de Ser modou modou: "Estes textos que se presentan aquí son, nestes tempos de valados e fronteiras, un espazo libre, un xeito de diálogo con espírito aberto de reflexión crítica; unha visión sobre Galiza dunha persoa nacida a miles de quilómetros na África atlántica. Haberá outras moitas visións sobre Galiza, sen dúbida, máis esta ten mirada limpa, inocente, amable (demasiado amable?) mais tamén crítica, cando cómpre, sobre o noso país e as súas xentes.

É difícil atopar unha historia máis tenra que a que Cheikh nos conta en Tres comidas en Corme e penso no acaídos que serían estes textos para a materia de Valores Éticos, como ferramenta didáctica e para a aproximación a outras realidades, a outras miradas, na formación da vida social e política d@s adolescentes da Educación Secundaria".

Compartir: