Inicio Carballo ao día Novas A corporación municipal aprobará no...

A corporación municipal aprobará no último pleno do ano a distribución dos 2 millóns de euros do POS +

O goberno municipal volverá a destinar a gasto corrente a cantidade máxima que permite a Deputación para poder axilizar as obras

Venres 15 de decembro do 2017

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero, na rolda de prensa de hoxe

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero, na rolda de prensa de hoxe

No reparto de fondos do Plan Único POS+ ao Concello de Carballo correspóndenlle 2.082.701,73 euros. No último pleno do ano, que se celebrará o vindeiro luns 18, a corporación aprobará a distribución desa cantidade. Despois do bo resultado que dou este ano, o goberno municipal volverá a destinar a gasto corrente a cantidade máxima que permite a Deputación, e que neste caso son 726.205,21. Isto significa, como explicou Evencio Ferrero en rolda de prensa, acompañado por Belén Lendoiro, que, ao destinar esa cantidade ao pago de diferentes servizos, o Concello de Carballo disporá de máis fondos propios para contratar obras directamente, sen depender da Deputación. Este ano, por exemplo, grazas a este sistema puideron acometerse os proxectos de reforma integral da rede viaria secundaria de varias parroquias, que doutro xeito aínda terían que esperar varios meses.

Cos case 1,3 millóns restantes si que se levarán a cabo unha serie de obras que xa figuran no capítulo de investimentos reais dos orzamentos do 2018. No casco urbano inclúense a reurbanización da rúa Barcelona e do treito da Luis Calvo que vai desde o cruce ata a rotonda, así como a rehabilitación do Museo de Bergantiños. Na zona rural seguirase avanzando no plan de aglomerado de vías estruturantes, en concreto as de Mirón á estrada de Razo, Bolón ao CEIP Gándara-Sofán, A Ponte de Bértoa ao Moucho de Berdillo e Igrexario de Lema a A Vixía, ademais do soterramento do cableado da contorna da igrexa de Santa María de Rus. Ademais, e con cargo ao plan complementario, que supón 416.000 euros, levaranse a cabo obras de saneamento nas parroquias de Lema, Oza, Razo e Rebordelos, e tamén o saneamento e o abastecemento de auga a Figueiroa e O Outeiro, na parroquia de Sísamo.

Sesión extraordinaria

O pleno do luns será extraordinario porque non se celebra na data que lle correspondería ao coincidir co festivo de Nadal (último luns de mes). Na orde do día figuran, ademais, do POS+, un expediente de depuración de dereitos de cobro e pagos pendentes desde o ano 1993 coa finalidade de poñer a cero a contabilidade municipal para a implantación, o vindeiro ano, do novo programa de xestión. Tamén se aprobará o pago de catro facturas pendentes, por un importe total de 497,26 euros, que apareceron como consecuencia da revisión da contabilidade.

Tras a xubilación da tesoureira municipal, o Concello de Carballo solicitará que se cubra a praza que deixa vacante segundo os criterios establecidos polo Estado e pola Xunta para este tipo de habilitados/as estatais. E, por último, proporase a aprobación da solicitude de compatibilidade presentada por un profesor do CMUS.

Compartir: