Inicio Carballo ao día Novas A demolición do edificio situado na...

A demolición do edificio situado na esquina da Avenida das Flores e a rúa da Fábrica permitirá gañar espazo público

O mural do buzo desaparece, pero o mesmo artista pintará outro de maiores dimensións na parede que queda agora á vista

Mércores 13 de decembro do 2017

O edificio situado na esquina da Avenida das Flores e a rúa Fábrica, que tiña como peculiaridade a de formar parte do proxecto de arte urbana Derrubando Muros con Pintura, quedou reducido a escombros en poucas horas. O contrato coa empresa Construcciones José Manuel Gómez y Otro SC, por importe de 11.858 euros, inclúe a demolición e o acondicionamento do novo espazo público que se gaña nese ámbito.

O famoso mural do buzo pasou á historia hoxe, pero o Concello de Carballo conta xa, por unha banda, co permiso dos propietarios do edificio para utilizar a parede que queda agora á vista, moito máis grande, e conta ademais coa boa disposición do artista que o pintou, Mou, para crear outro. Mentres tanto -xa que haberá que agardar, entre outras cousas, a que pase o inverno-, a empresa que levou a cabo a demolición daralle unha man de pintura branca á medianeira.

O Concello de Carballo adquiriu a casa no pasado mes de maio. A operación de compravenda pechouse por 49.329,76 euros. Esta actuación estaba prevista no Plan Xeral de Ordenación Municipal coa finalidade de destinar os 60 metros cadrados que ocupaba a edificación á ampliación do espazo público co obxectivo de mellorar a mobilidade nese ámbito.



Galería

Compartir: