Inicio Carballo ao día Novas A xunta de voceiros da Fegamp fixo balance en...

EVENCIO FERRERO É O VICEPRESIDENTE 2º DA FEDERACIÓN GALEGA DE MUNICIPIOS E PROVINCIAS

A xunta de voceiros da Fegamp fixo balance en Carballo dos avances en xestión das emerxencias e contratación de persoal

Entre outras novidades informouse sobre o principio de acordo acadado para que os alcaldes dispoñan de liña directa co 112 en situacións como a vaga de lumes de outubro

Mércores 13 de decembro do 2017

A xunta de voceiros da Federación Galega de Municipios e Provincias celebrou hoxe en Carballo a súa sesión mensual ordinaria, na que se deu conta dos avances acadados en materia de xestión de emerxencias e contratación de persoal municipal. A nosa vila convértese nunha das sedes itinerantes destas sesións mensuais, que desde despois do verán estanse a levar a cabo nos concellos de cada un dos membros da xunta de voceiros. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, é un deles, ademais de vicepresidente 2º da Fegamp.

Tras a vaga de lumes de outubro, a Fegamp pediu de forma reiterada nas reunións do Grupo de Traballo polas Emerxencias que se habilitase unha liña directa cos servizos de emerxencias para os/as rexedores/as galegos/as. A petición, que foi aceptada e porase en vigor ao longo de 2018, viña apoiada polas demandas de varios dos/as alcaldes/as que sufriron as consecuencias do lume nos seus concellos e que estiveron en algúns casos máis de 6 horas tentando contactar co 112. 

A Fegamp ven tamén de acadar unha addenda de 1.000.000 €, atendendo a outra petición feita polo municipalismo galego como era a revisión do financiamento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) que traía consigo unha subvención europea que dependía de criterios de cumprimento de obxectivos moi difíciles de acadar para os municipios. Na xuntanza do pasado dia 4 de decembro da Comisión de Seguimento do GES aprobouse unha nova distribución dos fondos que financian a estes grupos de emerxencia de forma que agora 1 millón de euros de fondos variables pasará a 1 millón de euros de fondos fixos subvencionados. Isto dotará de maior estabilidade ao financiamento e mellora a xestión diaria do Convenio dos GES como demandaban os alcaldes/as. Esta modificación é de gran importancia para os concellos porque desta forma pasan de ter que xustificar 81.000 € da subvención recibida atendendo as especificidades dos fondos europeos a poder, coa nova addenda, reducir a 41.000€ esta cantidade. 

Con respecto aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) adoptouse tamén un principio de acordo para que os GES continúen a partir de 2019, quedando pendente especificar de que organismo dependerán, liberando aos concellos desta responsabilidade.

Policías locais e bolsa de persoal

Pero en cuestións de persoal municipal temos conseguido neste outono máis logros importantes: a Xunta deu no mes de novembro o visto e prace a unha medida proposta pola Fegamp, pola que os concellos galegos que así o desexen poderán solicitar á Xunta (a partir do próximo mes de abril de 2018) que organice o proceso de selección e formación dos policías locais. Os concellos deberán previamente comunicar o número de prazas que desexan convocar e as características da convocatoria e a Xunta encargarase de facer o proceso de selección e formación que se desenvolverá na Academia Galega de Seguridade Pública ( Agasp) na Estrada (Pontevedra) e que prevé un aforro aos municipios e aos opositores. 

Outra das propostas da Fegamp que se teñen votado para adiante é a creación dunha Bolsa de Persoal de Intervención municipal para cubrir prazas de interventores/as, tesoureiros/as e secretarios/as nos concellos galegos. Para os/as alcaldes/as era moi difícil cubrir estas prazas debido as características propias deste labor como a súa formación e a necesidade de ser habilitados nacionais. A aprobación no Consello da Xunta de esta bolsa de traballadores interinos facilitará a contratación deste persoal municipal.

Centros de saúde municipais

Neste outono desde a Fegamp tense logrado tamén un acordo importante no eido da asunción dos centros de saúde municipais pola Xunta de Galicia. Nunha reunión levada a cabo entre a Xunta e a Fegamp acordouse asumir directamente por parte da Xunta a totalidade dos centros de saúde que completen a documentación requirida. A asunción farase con cargo ao fondo adicional previsto o Fondo de Cooperación Local. A partir do mes de setembro de 2018, a Dirección Xeral da Administración Local fixará os criterios para asumir os gastos, xa sexa mediante criterios obxectivos ou mediante certificación de gasto dos concellos. No caso dos consultorios realizarase un estudo caso a caso da situación concreta de cada un.

Compartir: