Inicio Carballo ao día Novas Os concellos de Bergantiños...

Os concellos de Bergantiños implícanse na elaboración da estratexia de igualdade na provincia

Representantes políticos e técnicos dos sete concellos asistiron no Fórum Carballo á presentación do proxecto “Compartimos plan”

Martes 5 de decembro do 2017

Compartimos plan é a estratexia para elaborar, de maneira participativa, un estudo de diagnose e plan de acción das políticas de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención da violencia de xénero na provincia da Coruña. O traballo, que ten un prazo de desenvolvemento de 18 meses, atópase na primeira fase, enfocada a informar ás entidades locais, así como aos diferentes axentes chave en materia de igualdade, sobre o proxecto. Con ese obxectivo, este martes estiveron no Fórum Carballo, por unha banda, persoal técnico encargado do desenvolvemento do plan, e, por outra, representantes políticos e técnicos dos sete concellos de Bergantiños, así como de empresas do sector sociosanitario.

Este primeiro contacto foi moi positivo por varios motivos, entre eles, segundo destacaron os técnicos da empresa que está a desenvolver o proxecto para a Deputación da Coruña, pola gran implicación política. Os alcaldes de Carballo e A Laracha, Evencio Ferrero e José Manuel López, así como concelleiras de varios municipios bergantiñáns, estiveron entre o público durante a presentación, que permitiu coñecer unha primeira diagnose sobre os problemas de desigualdade aos que se enfrontan cada día as Administracións locais. A concelleira de Igualdade e Benestar de Carballo, Maica Ures, exerceu como anfitriona.

Nas seguintes fases elaborarase unha diagnose a partir da información recompilada a nivel local e provincial, e segundo os datos resultantes establecerase o plan de acción a nivel comarcal e provincial. Por último celebraranse presentacións en todas as comarcas para dar a coñecer os resultados.

Ligazóns

Vídeos

Compartir: