Inicio Carballo ao día Novas Unha peza artística creada con máis...

Unha peza artística creada con máis de 10.000 palliñas de cores é a primeira proposta comunitaria do proxecto “Somos rúa”

Persoas usuarias dos centros APEM e Aspaber colaboraron con Héctor Francesch para darlle forma ao “aerodebuxo” que decora a Praza do Concello

Venres 17 de novembro do 2017

Usuarios/as de Aspaber que colaboraron no proxecto

Usuarios/as de Aspaber que colaboraron no proxecto

Máis de 10.000 palliñas de cores como as que se utilizan para beber convertéronse na materia prima da primeira creación artística do proxecto Somos rúa, facemos arte, unha proposta da Concellaría de Promoción Económica que se está a desenvolver durante toda a fin de semana coa intención de facer partícipe á cidadanía da utilización da arte contemporánea para contribuír á transformación do espazo urbano. Héctor Francesch deixa deste xeito a súa pegada en Carballo a través dun dos seus aerodebuxos, aínda que esta creación foi especial, xa que contou coa colaboración de usuarios/as de APEM e Aspaber, así como dalgunha que outra das persoas que se achegaron ao longo da xornada ata a Praza do Concello.

Somos rúa, facemos arte continuará mañá sábado coa creación doutra peza colaborativa, Quercus Robur, un carballo para a Praza do Concello que axudarán a crear todas as persoas que queiran sumarse guiadas por Rubén Fernández Castón. Estas dúas intervencións complementaranse con dúas pezas escénicas focalizadas na percusión: a de Dúas, que actúan hoxe venres ás 19.30 horas,  e na danza, o mimo e o clown (a de Cía eProjecto C-F Dance, o domingo ás 13.30.

Compartir: