Inicio Carballo ao día Novas Carballo participa na campaña “En negro...

Carballo participa na campaña “En negro contra as violencias” cunha serie de propostas que se desenvolverán do 20 o 26 de novembro

A Concellaría de Igualdade e Benestar convida a toda a poboación a sumarse á iniciativa colgando de ventás e balcóns prendas de roupa ou obxectos de cor negra

Venres 17 de novembro do 2017

A presentación da campaña tivo lugar en Santiago

A presentación da campaña tivo lugar en Santiago

Carballo participa de novo, xunto a outros 74 concellos e deputacións, na campaña En negro contra as violencias, unha iniciativa que vai máis alá da visibilización implicando a toda a poboación na loita contra a violencia familiar. Arredor do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres e Nenas, a Concellaría de Igualdade e Benestar e o Centro de Información á Muller (CIM) teñen deseñado un programa de actividades que abrangue diferentes sectores sociais.

Do 20 ao 26 deste mes un centenar de establecementos comerciais e hostaleiros converteranse en escaparates do rexeitamento social á violencia utilizando a cor negra como elemento fundamental da súa decoración e difundindo as mensaxes da campaña. A concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, fai tamén un chamamento á cidadanía para que poña o seu gran de area colgando de ventás e balcóns prendas de roupa ou obxectos de cor negra. Tamén poden utilizarse os materiais da campaña, que poden descargarse ao final desta nova.

Ademais, ao longo da semana desde o seu departamento farase entrega aos colexios de infantil e primaria e ao CRA de libros sobre igualdade para as súas bibliotecas. De feito, a poboación escolar é outra das destinatarias da campaña. Deste xeito, o día 23 ás 11 horas desenvolverase no CEIP Xesús San Luís Romero un acto contra a violencia no que participará todo o alumnado e persoal do CIM.

O día 24 ás 12 terá lugar na Praza do Concello unha concentración na que se lerá a Declaración Institucional aprobada polo pleno da corporación. O sábado 25 realizarase un apagado simbólico do alumeado tamén na Praza do Concello. Os días 28 e 29 celebrarase no Pazo da Cultura un obradoiro de autodefensa persoal para mulleres. O prazo de inscrición segue aberto ata o 24. E o mércores 29 rematarán os actos coa actuación da Tropa de Trapo, co espectáculo Contamos todas, para o alumnado de 1º de Bacharelato.

Descargas

Compartir: