Inicio Carballo ao día Novas O CEIP Fogar quere Derrubar Muros con Pintura...

O CEIP Fogar quere Derrubar Muros con Pintura tamén na escola e converter as paredes en “formas de ensinar”

O sistema solar, realizado por Emi de las Heras coa colaboración do Concello de Carballo, é o protagonista do primeiro dunha serie de murais didácticos

Xoves 16 de novembro do 2017

Desde logo no CEIP Fogar non faltan paredes, pero o consello escolar está disposto a derrubalas simbolicamente a través dunha innovadora iniciativa que consigue en trasladar á escola o proxecto Derrubando Muros con Pintura cunha finalidade didáctica. “A idea é converter as paredes en formas de ensinar”, explica o director do colexio, Fernando Garea, diante do primeiro dunha serie de murais didácticos que pronto “derrubarán” as paredes do colexio máis antigo de Carballo.

Alumnos e alumnas do colexio están pintando agora as súas propias representacións da vida extraterrestre

Alumnos e alumnas do colexio están pintando agora as súas propias representacións da vida extraterrestre

O protagonista dese primeiro mural é o sistema solar. A partir de agora, a aprendizaxe dos planetas xa non será só unha materia máis de estudo, senón a oportunidade de experimentar coas clases ao aire libre. A autora artística foi Emi de las Heras, que hoxe recibiu os parabéns do alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, e a concelleira de Educación, Mar Eirís. Fernando Garea agradeceu o apoio do Concello de Carballo, “que o temos para todo”, e o traballo desenvolvido por Emi de las Heras, que continúa pintando no colexio cun grupo de nenos e nenas que están trasladando á parede as súas propias representacións da vida extraterrestre. “Deste xeito queremos que tamén se sintan útiles, porque este é un traballo conxunto”, sinalou o director.

Dentro de pouco tempo o patio do CEIP Fogar será unha aula máis ao aire libre. Ademais do sistema solar, os alumnos e as alumnas poderán estudar a evolución da especie humana, a diversidade das comunidades e os recursos naturais, que son outros tres temas que tamén axudarán a derrubar muros na escola.

Compartir: