Inicio Carballo ao día Novas 42 persoas aprenden un oficio no Fórum nas...

EN DECEMBRO ARRANCARÁN OS CURSOS DE PROGRAMACIÓN DE SISTEMAS INFORMÁTICOS E SERVIZO DE BAR E CAFETERÍA

42 persoas aprenden un oficio no Fórum nas tres accións formativas para desempregados/as que temos en marcha

Carballo é a sede dun obradoiro de carpintería para mozas e mozos inscritas/os no Sistema de Garantía Xuvenil que axudarán a revalorizar os espazos urbanos

Martes 14 de novembro do 2017

No obradoiro de carpintería hai 11 alumnos e 1 alumna

No obradoiro de carpintería hai 11 alumnos e 1 alumna

A actividade non cesa no Fórum Carballo, no que algúns días resulta complicado atopar unha aula baleira. Xunto á actividade administrativa habitual, os cursos ou as actividades puntuais, o complexo da Milagrosa acolle nestes momentos tres accións formativas que permitirán que 42 persoas desempregadas aprendan un oficio e melloren deste xeito as súas posibilidades de incorporarse ou regresar ao mercado laboral.

Carballo acolle por primeira vez un obradoiro de emprego para mozas e mozos inscritos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Son 11 alumnos e 1 alumna que están a formarse na especialidade de carpintería de madeira para desenvolver un proxecto de “Revalorización de espazos urbanos”. Todos os participantes son do municipio carballés, teñen idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos (a media é de 26) e carecen de experiencia previa no sector.

Os alumnos de electricidade, no taller

Os alumnos de electricidade, no taller

Nas últimas semanas tiveron os seus primeiros contactos co taller, xa que a dirección do obradoiro, á fronte do cal figura Andrés Seoane, optou por achegarlles na primeira parte da acción formativa, de seis meses de duración, coñecementos e experiencias imprescindibles de cara ao seu futuro laboral.

Deste xeito, por exemplo, o alumnado xa asistiu a unhas xornadas de prevención de riscos específicas para o traballo que van desenvolver e participou en visitas formativas a dúas empresas de referencia no sector. A través do departamento de Servizos Sociais tamén recibiron a formación necesaria en igualdade de xénero, do mesmo xeito que persoal da área de Promoción Económica ofreceulles información empresarial complementaria. Da sensibilización ambiental encargouse Senda Nova, con sesións formativas en plena natureza, en concreto na Ribeira da Pena e Baldaio. E os tres alumnos que non teñen o título de ESO dispoñen de profesorado específico para impartirlles esa formación.

Ao longo dos seis meses de duración do obradoiro, o alumnado está de alta na Seguridade Social e percibe o salario mínimo interprofesional

Agora, despois de toda esa formación previa e da posta punto da maquinaria, xa están traballando no taller co profesor de carpintería. Ao longo dos seis meses de duración do obradoiro, o alumnado está de alta na Seguridade Social e percibe o salario mínimo interprofesional.

O alumnado de soldadura, xunto co monitor

O alumnado de soldadura, xunto co monitor

Para desempregados van dirixidos tamén os dous cursos AFD que están en marcha xa nos talleres de soldadura e electricidade do Fórum. O primeiro acolle a 15 alumnos que se forman en Soldadura con electrodo revestido e TIG nun curso de 698 horas de duración, e no segundo hai outros 15 que se prepararán durante 938 horas en Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas en baixa tensión.

A oferta de accións formativas para desempregados financiadas pola Xunta de Galicia completarase o mes que vén coa posta en marcha dos cursos de Programación de sistemas informáticos (608 horas) e Servizo de bar e cafetería (658 horas). As persoas interesadas en participar poden inscribirse xa na Oficina de Emprego, situada na planta baixa do Fórum, para participar no proceso de selección que se convocará en breve.

Compartir: