Inicio Carballo ao día Avisos A Concellería de Igualdade e Benestar e o...

A Concellería de Igualdade e Benestar e o CIM convidan de novo ao comercio local a participar na campaña “En negro contra a violencia”

Luns 30 de outubro do 2017

Un ano máis, Carballo únese á rede de concellos en negro contra a violencia, e un ano máis desde a Concellería de Igualdade e Benestar e o Centro de Información á Muller (CIM) faise un convite ao comercio local para que axude a darlle visibilidade á situación de violencia na que viven moitas mulleres. Neste ano xa van 42 asasinadas en España, e dende o departamento que dirixe Maica Ures consideran “que a actual situación require dunha resposta unánime da sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres”.

Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra o 25 de novembro, Carballo participará, xunto con outros concellos, na campaña “En negro contra a violencia”, e dentro desta iniciativa proponse, tal como explica Maica Ures, “vestir de loito a nosa vila, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte”. A concelleira destaca que o comercio local é o gran escaparate idóneo “para transmitir á cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade: queremos Carballo libre de violencia!”.

As tendas, establecementos de hostalaría, empresas... que queiran apoiar esa mensaxe recibirán información e material para vestirse de negro do 20 ao 26 de novembro. Os empresarios interesados poden chamar aos teléfonos 981700688 ou 638123460 (Nieves Castañón) ou ben enviar un correo electrónico cos datos de contacto a carballoennegro2017@gmail.com.

Compartir: