Inicio Carballo ao día Novas O plan de mantemento da rede viaria urbana...

O plan de mantemento da rede viaria urbana destina máis de 100.000 € á mellora do pavimento en 27 rúas e dúas rotondas

Neste momentos temos en fase de licitación obras de mellora da mobilidade peonil e rodada nos barrios por máis de 700.000 euros

Venres 13 de outubro do 2017

Aos proxectos de reurbanización da contorna do CEIP Xesús San Luís Romero (2ª fase) e das rúas Montevideo e Río vén de sumarse no perfil do contratante a reforma de varias rúas urbanas. Nestes momentos, en consecuencia, o Concello de Carballo ten en fase de licitación obras que van contribuír a mellorar a mobilidade peonil e rodada nos diferentes barrios do casco urbano por un importe que supera os 700.000 euros, financiados nunha ampla porcentaxe cos fondos procedentes do Plan Único da Deputación da Coruña.

Co último procedemento posto en marcha, cun orzamento de 107.981.501 euros financiados con fondos propios, o Concello de Carballo pretende mellorar o pavimento en 27 rúas e dúas rotondas que se atopan en malas condicións de conservación. “É necesario proceder á reparación antes de que se produza un deterioro máis profundo”, tal como explica o proxecto elaborado na Oficina Técnica Municipal. O obxectivo é acometer “un labor de mantemento correctivo, reparando aquelas zonas onde o dano aínda non afectou ás capas base do firme, fresando a capa superficial a volvendo a pavimentar a zona afectada”.

Rúa Vila de Negreira

Rúa Vila de Negreira

As obras afectarán a unha superficie total de 7.731,50 metros nas rúas Antón Fraguas, Pintor Colmeiro, Avenida de Bergantiños, Brasil, Carballo Calero, Cuba, Ecuador, Eduardo Pondal, Gran Vía, Julio Galán, Río Lérez, Río Eo, Río Miño, Río Tambre, San Xoán Bautista, San Martiño, Santa Eufemia, Perú, Uruguai, Vicente Risco, Vila de Caión, Vila de Negreira, Vila de Noia, Andrés Gaos, Bolivia, Escultor Asorey e Muíño da Pintura, así como ás rotondas das rúas Sol e Perú.

As rúas divídense en tres bloques en función do tipo de actuación precisa. No 67% da superficie será necesario realizar un fresado ata unha profundidade determinada para despois proceder á reposición da capa de rodaxe. En Antón Fraguas e Pintor Colmeiro realizarase un dobre rego asfáltico, e na Avenida de Bergantiños aplicarase unha lechada bituminosa tanto na zona de rodaxe como na de aparcamento.

O prazo máximo de execución será de tres mese. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 2 de novembro para presentar as súas ofertas.

Compartir: