Inicio Carballo ao día Novas Sae a licitación o primeiro dos 8...

Sae a licitación o primeiro dos 8 proxectos de abastecemento e saneamento financiados con cargo ao canon da auga deste ano

O Concello de Carballo investirá 175.255,67 euros na execución dunha serie de melloras urxentes nas redes

Xoves 21 de setembro do 2017

Hoxe saíron a licitación as obras do proxecto de “Melloras urxentes nas redes de abastecemento e saneamento de Carballo” cun orzamento de 175.255,67 euros. É o primeiro dos oito proxectos que se executarán con cargo ao canon da auga correspondente a este ano, dentro do cal tamén figuran as redes de saneamento de Vilar de Cidre (Razo); Cadabuxo, A Ermida e A Rachola (Sofán); O Barral, Feira de Berdillo e Quintela (Artes); A Redonda, A Igrexa, O Piñeiro e Outeiriños (Entrecruces) e outras actuacións nas parroquias de Rus, Sofán, Razo e Carballo por un importe total de 2 millóns de euros.

Na rúa Vila de Negreira mellorarase a rede de saneamento

Na rúa Vila de Negreira mellorarase a rede de saneamento

Neste primeiro proxecto trátase de acometer distintas actuacións de pouca envergadura pero que, sen embargo, repercuten na calidade do servizo para un importante número de usuarios. Deste xeito, por exemplo, na zona do Igrexario actuarase nas rúas Río Mandeo, Concordia, Río Tambre e Río Ulla, en todos os casos para realizar as conexións que permitan pechar a malla. Así, ademais de mellorar as presións ou ampliar a rede de abastecemento, minimizaranse os efectos en caso de avaría.

Tamén está previsto pechar a malla na zona da avenida dos Abetos para facilitar a renovación das augas en todo ese ámbito de vivendas unifamiliares, mellorar as presións e dar continuidade á rede. Outra das melloras urxentes é a substitución das canalizacións do polígono de Bértoa nun tramo de 330 metros a partir do depósito elevado, xa que está en malas condicións e son frecuentes as avarías. O reforzo da presión en Xoane e a substitución de válvulas inoperativas en varias rúas de Carballo son outras actuacións proxectadas. Dentro do casco urbano tamén se acometerá a renovación da rede nun treito da rúa Vila de Corcubión.

A única obra de saneamento consistirá na construción dun novo colector cunha lonxitude duns 150 metros na rúa Vila de Negreira, para solucionar un problema de atascos e vertidos provocados polo mal estado da rede e agravado pola existencia dun treito de canalización a contrapendente.

Rúas Río e Montevideo

As empresas interesadas en acometer as obras poden presentar as súas ofertas ata o 17 de outubro no Rexistro Xeral do Concello de Carballo. O mesmo prazo rexe para as obras dos proxectos de reurbanización das rúas Montevideo e Río, incluídos no Plan Único de Concellos POS + da Deputación da Coruña, que tamén saíron hoxe a licitación por 169.823,91 e 189.543,86 euros, respectivamente. Na primeira os obxectivos son, por unha banda, a renovación ou ampliación das instalacións e, por outra, o acondicionamento da superficie con beirarrúas de 1,8 metros de ancho en ámbalas marxes, zona de aparcamento de 2 metros e carril de pavimento continuo de formigón de 3,4 metros. Na rúa Río o Concello de Carballo tamén aposta por un modelo de plataforma única e uso semipeonil, ademais de renovar todos os servizos.

Compartir: