Inicio Carballo ao día Novas Este verán reforzamos o servizo do lixo...

Este verán reforzamos o servizo do lixo nas praias con 3 días máis de recollida á semana e 27 colectores a maiores

Ata o remate da temporada haberá 90 contedores repartidos entre Razo, Pedra do Sal, As Saíñas, Arnela e Leira

Mércores 16 de agosto do 2017

Durante o verán non só se intensifica a limpeza dos areais, como está previsto no programa anual do servizo, senón tamén o servizo de recollida de lixo. Este ano o Concello de Carballo, a través da empresa concesionaria, Urbaser-Servigal UTE Carballo, incrementou máis dun 40% o número de colectores na zona de litoral, onde pasaron dos 63 dispoñibles durante o resto do ano aos 90 que hai nestes momentos repartidos entre Razo, Pedra do Sal, As Saíñas, Arnela e Leira. En todos estes puntos existen recipientes adaptados para persoas discapacitadas.

A distribución dos colectores realizouse en función da demanda, de xeito que o maior aumento se levou a cabo en Razo, con 16 a maiores, e nas Saíñas, con 7 máis. Na Pedra do Sal hai 4 contedores máis dos habituais, no acceso á praia de Leira hai 2 máis, e na Arnela, onde o resto do ano non é preciso prestar este servizo, tamén se colocaron dous, un de residuos sólidos urbanos e outro de envases.

A reorganización do servizo, coordinada pola Concellaría de Obras e Servizos, non só inclúe a instalación de máis colectores, senón tamén o incremento dos días de recollida á semana, fundamentalmente en Razo, onde o camión de residuos sólidos urbanos pasa, a maiores, na madrugada do domingo e o mércores pola mañá. O mércores tamén se realiza unha recollida extra na zona de Baldaio.

O camión, hoxe pola mañá, en Razo

O camión, hoxe pola mañá, en Razo

Deste xeito, a retirada de RSU realízase en Razo o domingo de 6 a 7 horas (para recoller o lixo xerado o sábado) e de novo a partires das 23 horas (para recoller o lixo do propio domingo), xa que a fin de semana concéntrase a maior afluencia. O camión pasa tamén o mércores pola mañá e na noite do xoves ao venres. A recollida de envases lévase a cabo o martes; a de cartón e vidro, o venres (segundo necesidades), e a de voluminosos, o mércores.

Na zona de Baldaio os colectores verdes normais baléiranse os luns e os mércores pola mañá e o na madrugada do xoves ao venres; a recollida de envases realízase o martes e a de voluminosos, o mércores. Para o vidro establécese en función das necesidades.

Compartir: