Inicio Carballo ao día Novas A actividade regular do Horto Infantil...

A actividade regular do Horto Infantil Ecolóxico Municipal arrancará o 18 de setembro

O prazo de inscrición estará aberto desde o mércores 16 de agosto ata o martes 12 de setembro

Luns 14 de agosto do 2017

O mércores 16 de agosto abrirá o prazo de inscrición para as actividades do Horto Infantil Ecolóxico Municipal, que arrancarán o 18 de setembro agás para os nenos e nenas de tres anos, que se incorporarán en febreiro ás instalacións municipais da rúa Nardos. A solicitude de praza realizarase segundo o modelo da ficha adxunta, que debe presentarse debidamente cumprimentada en calquera dos rexistros do Concello de Carballo ou por vía telemática. O prazo rematará o martes 12 de setembro, e o xoves 14 publicarase na páxina web do Concello de Carballo a listaxe de alumnos/as admitidos/as e os horarios.

Á hora da adxudicación das prazas terán preferencia os nenos e nenas que participaron na fase anterior do proxecto, que quedou interrompido por mor do procedemento de licitación. O resto das prazas, ata completar os tres grupos previstos, adxudicaranse por orde de rexistro das solicitudes.

Á hora da adxudicación das prazas terán preferencia os nenos e nenas que participaron na fase anterior do proxecto, que quedou interrompido por mor do procedemento de licitación

O Horto Infantil Ecolóxico Municipal iniciou este ano unha nova etapa cunha programación estable que se desenvolverá ao longo de tres anos, o que permitirá consolidar este novidoso proxecto escolar impulsado desde a Concellería de Promoción Económica para poñer aos nenos e nenas en contacto coa natureza e a terra, poñer a disposición das familias unha ferramenta de apoio ao labor educador e formativo dos centros de ensino e converterse nun laboratorio de novas ideas e técnicas que fomenten o espírito emprendedor dende a infancia.

Descargas

Compartir: