Inicio Carballo ao día Novas Carballo e a Deputación asinan un convenio...

Carballo e a Deputación asinan un convenio para a vixilancia da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD)

O Concello recibirá 30.000 euros que, coas axudas que xa recibe da Xunta, permitiranlle cubrir a totalidade do presuposto do servizo

Xoves 27 de xullo do 2017

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a deputada provincial de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero, Ánxela Franco, asinaron esta mañá na casa do concello o convenio coa Deputación da Coruña para a vixilancia da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD). Ao acto asistiron ademais a directora da UAD, Lourdes Suárez, e os concelleiros de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira; de Obras e Servicios, Luis Lamas; de Facenda, Patrimonio, Persoal e Réxime Interior, Belén Lendoiro; e de de Sanidade e Terceira Idade e tamén a responsable en Carballo da UAD, Mari Carmen Regueira.

Logo da firma axuda, que supón unha achega de 30.000 euros este ano (e outros 40.000 comprometidos xa para o vindeiro) para un servizo que atende na Costa da Morte a 15 municipios e traballa na actualidade con 1.440 expedientes, Ferrero e Franco visitaron as instalacións da UAD, onde coñeceron o funcionamento do centro e o dos Servizos Sociais, para despois trasladarse á sede da Asociación de Padres de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (Aspaber).

Tanto Ferrero como Franco e Suárez coincidiron en que a Xunta asuma por completo as competencias da UAD. “A Unidade Asistencial de Drogodependencias cúbrese, nunha porcentaxe altísima, por parte da Consellería de Sanidade. Como non completa a totalidade do gasto, no seu momento dirixímonos á Deputación para que complementara un servizo que é evidentemente sanitario e supramunicipal”. “No seu momento”, engadiu o rexedor, “a Deputación comprendeu esta necesidade social e agora contribúe con 30.000 euros a financiar a UAD, que eu creo que é unha unidade das máis completas que existen en Galicia en canto ao número de patoloxías e dependencias atendidas”. O alcalde carballés trasladoulle á directora do centro os parabéns do Concello e o recoñecemento á Deputación “por axudar a cubrir a totalidade de gasto con este convenio: agora o Concello non ten que suplementar as achegas doutras administracións”.

Franco avanzou que a UAD carballesa recibirá o próximo ano 40.000 euros

A delegada provincial agradeceulle “tanto ao goberno municipal de Carballo, na persoa do seu alcalde, como á xefa da UAD, este servizo que están ofrecendo”. “Non é unha obriga municipal nin da Deputación”, insistiu, “mais os cartos da xente da nosa provincia deben estar para solucionar os problemas mentres quen ten as competencias non as entenda como tales”. “O labor que se fai aquí é admirable, o mesmo que a amplitude de servizos e a atención que se prestan”, rematou, para tamén avanzar que o seu departamento está valorando apoiar campañas para que se coñeza e se recoñeza o esforzo tanto do Concello de Carballo como da propia UAD.

Outras conductas adictivas

Suárez salientou que a UAD carballesa presta servizo non só ás drogodependencias en sentido estrito, senón que atende outras condutas adictivas relacionadas co alcohol, o xogo, os teléfonos móbiles ou o tabaco.

Compartir: