Inicio Carballo ao día Novas O pleno vota o luns unha nova ordenanza fiscal do...

O pleno vota o luns unha nova ordenanza fiscal do servizo da auga que suporá unha diminución nas tarifas de ata un 20 por cento

A corporación debaterá unha incorporación do superávit de 2016 que ascende a 1.880.000 euros para obras só de financiamento sostible

Luns 24 de xullo do 2017

Dous son os asuntos principais na orde do día da sesión plenaria que a corporación debaterá o próximo luns 31 de xullo. A primeira proposta é a refundición das ordenanzas fiscais números 10 e 17. A 10 regulaba a taxa de saneamento e depuración, e a 17, a taxa do servizo de auga potable. Agora, esas dúas ordenanzas refúndense nunha única, que se chamará Servizo de Ciclo Integral de Auga e incluirá o subministro de auga potable, a rede de sumidoiros, o saneamento e a depuración. Esta ordenanza fiscal, feita polos servizos de xestión tributaria, ten uns tramos e unhas taxas máis baratos que os actuais: a diminución nas tarifas é de ata un 20 por cento, segundo a oferta da empresa adxudicataria do servizo, Gestagua.

“Faise así porque é máis operativo”, defende a concelleira de Facenda, Patrimonio, Persoal e Réxime Interior, Belén Lendoiro. “Xa hai un regulamento que establece precisamente o ciclo integral da auga, aprobado en pleno hai case un ano. Pero agora establécese unha ordenanza fiscal, que regularía as taxas aplicando as condicións que había no prego á hora de establecer os criterios da concesión”.

A senda peonil de Bértoa custará algo máis de 300.000 euros, que se financiarán co superávit

O outro asunto da orde do día é unha modificación do orzamento; concretamente, un expediente de suplemento de crédito, o primeiro deste ano 2017, para unha incorporación de superávit de 2016 que ascende a 1.880.000 euros, que se poden destinar só a obras de financiamento sostible: aquelas que teñan unha duración superior aos cinco anos e non signifiquen un gasto de mantemento (locais culturais ou deportivos etcétera). De acordo con esas esixencias, hai xa un obra en marcha, a da senda peonil de Bértoa, financiada con cargo á Xunta de Galicia na parte de senda peonil, pero con cargo aos orzamentos municipais na parte de servizos; e precisamente esa parte, que vai custar algo máis de 300.000 euros, pódese financiar co superávit.

O Concello de Carballo ten un remanente en caixa de case 8 millóns

O millón e medio restante destinarase a investimento en vías públicas do casco urbano. 722.000 euros pagarían as obras de reurbanización da zona colexio A Cristina (357.000 euros), e as obras da rúa do Sol (365.000 euros); e os outros 773.000 euros destinaríanse a, primeiro, unha reparación de vías secundarios nas parroquias de Berdillo e Ardaña, as dúas únicas que faltaban para completar ese tipo de arranxos de acondicionamento viario na totalidade do territorio municipal (200.000 euros); e segundo, á aglomeración de vías estructurantes, neste caso nas parroquias de Lema, Noicela, Rebordelos e Aldemunde (336.000 euros), e no núcleo de O Rodo, na parroquia de Oza (aínda se cuantificar definitivamente, pero arredor dos 237.000 euros). “Houbo”, explica o alcalde, Evencio Ferrero, “moito debate no Congreso dos deputados, por parte das federacións de municipios, onde se tendía a confundir superávit con remanente. O remanente do noso Concello é considerable, cerca de 8 millóns de euros; e logo está o superávit municipal, que é o único que se permite incorporar, e só para investimentos sostibles”. “No caso de Rodo”, engadiu, “a capa de rodadura é de cemento, como xa se fixo no lugar de Cances Grande, unha actuación que está sendo moi ben valorada polos veciños de toda a parroquia”. “A idea en canto ao viario futuro”, engadiu, “sería seguir mellorando, insistindo, sempre que sexa posible, nesas capas de cemento que, ademais, son as que recomenda Patrimonio da Xunta de Galicia”.

Moción de Terra Galega

Ademais destas dúas propostas, hai unha moción de Terra Galega referida ao tráfico na rúa San Xoán Bautista. Terra Galega quere que os vehículos que circulen por esa rúa poidan xirar á esquerda, cara a rúa Martín Herrera, como na actualidade, pero tamén á dereita, cara a rúa do Sol.

Compartir: