Inicio Carballo ao día Novas O alcalde anuncia no Consello Parroquial de Rus...

O alcalde anuncia no Consello Parroquial de Rus un proxecto para eliminar todo o cableado na contorna da igrexa

A veciñanza valorou positivamente as melloras realizadas e insistiu na demanda dunha maior seguridade nas estradas provinciais

Venres 16 de xuño do 2017 Participación veciñal

A primeira petición que presentaron os veciños e veciñas de Rus no Consello Parroquial celebrado en febreiro foi o traslado do poste de madeira situado diante da igrexa de Santa María para o valado. O alcalde, Evencio Ferrero, anunciou na xuntanza deste xoves que, a raíz desa demanda, o Concello de Carballo está a elaborar un proxecto para eliminar non só ese poste, senón todo o cableado que afea unha das igrexas máis fermosas de toda a Costa da Morte, unha xoia do barroco que merece unha contorna acorde. A proposta foi moi ben acollida.

En catro meses, dende o anterior Consello Parroquial, moitas das peticións realizadas pola veciñanza de Rus están xa atendidas ou en vías de solución. Na maior parte dos casos tratábase de pequenas actuacións, como a colocación de espellos, sinais, tubos ou limpezas, pero tamén hai proxectos máis importantes que se acometerán en breve. O vindeiro luns, de feito, serán adxudicadas as obras de mellora integral das pistas asfaltadas da parroquia, e tamén está en fase de contratación o proxecto de acondicionamento do local social de Ramil, onde se celebrou unha nova xuntanza este xoves 15. O alcalde explicou, a petición da veciñanza, o contido do proxecto para o edificio, que será reformado por completo. Os asistentes valoraron moi positivamente as actuacións previstas tanto no teleclub de Ramil como na escola do Outón, que tamén será renovada totalmente.

Actuacións pendentes e novas

Tamén hai actuacións que non se executaron por diferentes motivos. O parque infantil de Calvos, por exemplo, por considerar que non existe unha poboación infantil mínima que garanta o seu uso. Nese sentido saíron a relucir os casos doutras parroquias onde os parques están baleiros e acaban deteriorándose por falta de uso, e mesmo varios veciños pediron unha utilización racional dos recursos públicos para evitar ese tipo de situacións. Tampouco se colocaron porterías na explanada da igrexa porque iso obrigaría, por normativa de seguridade, a pechar o recinto, que tamén é utilizado como aparcadoiro.

Hai, así mesmo, outras actuacións pendentes que volveron a solicitarse e outras novas, como a limpeza, acondicionamento e sinalización do merendeiro de Barís. Pero os veciños insisten especialmente na necesidade de mellorar a seguridade nas vías provinciais, como xa pediran 4 meses atrás. O alcalde comprometeuse a volver a enviar un escrito á Deputación para que, polo menos, se inclúa sinalización semellante á que foi colocada en Oza.

Compartir: