Inicio Carballo ao día Hemeroteca Teatro, monicreques, música e maxia no...

FUNCIÓNS ÁS 18.00 HORAS NO AUDITORIO

Teatro, monicreques, música e maxia no Nadal Pequespectacular: do 27 ao 30 de decembro no Pazo da Cultura

Luns 26 de decembro do 2016

Feo - Caramuxo Teatro

"Feo" de Caramuxo Teatro

A programación do Nadal Cultural 2016 do Concello de Carballo, continúa a última semana do ano co Nadal Pequespectacular, que aglutina as citas destinadas ao público familiar e infantil, con catro espectáculos distintos e moi divertidos, con diversos formatos e estilos nos que atopamos teatro, música, títeres ou maxia. O martes 27 de decembro a compañía Caramuxo Teatro presenta Feo!, un espectáculo inspirado en O parrulo feo de Hans Cristhian Andersen. Feo! é un canto á diversidade e á esencia dun mesmo, unha comedia para toda a familia.

As citas están dirixidas a público familiar, nomeadamente a nenos e nenas maiores de 5 anos (no caso da maxia) e maiores de 3 anos (no resto das funcións)

O mércores 28 a compañía Baobab Teatro representa Martes. Érase unha vez unha galaxia, a galaxia Leo T formada por planetas, estrelas e Martes, que é un ser espacial que vive entre a lúa e as estrelas, gústalle xogar con elas e nunca, nunca se afasta. Baobab Teatro presenta unha obra tenra, unha historia de superación dos propios medos, unha historia onde todo pode ser posible. As citas continúan o xoves 29 con Educateatro Producións que presenta o espectáculo musical e teatral Carapuchiña Vermella. Excelente proposta sobre o conto de Carapuchiña, unha nena de nove anos á que un día súa nai encargoulle ir á casa da avoa para que lle levase unha cesta con froita, un tarro de mel e unha botella de viño doce.

Reserva de entradas

O programa finaliza o venres 30 co mago Cayetano Lledó e o espectáculo Máxico Circus Cabaret. O director dun circo, no que xa non traballa ninguén, terá que parodiar a un mago chinés, a Groucho Marx, á muller barbuda, a un hipnotizador,… para que o que o show continúe, pero a medida que avanza, as cousas vanse complicando. O mago Cayetano Lledó presenta un espectáculo moi divertido, de gran creatividade, con excelentes trucos de maxia, de ilusións e de moitas sorpresas para o público cativo. 

Todas as representacións terán lugar ás 18.00 horas e contan coa colaboración da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Agadic (Axencia Galega de Industrias Culturais). A reserva de entradas do Nadal Pequespectacular pode facerse nas oficinas de Cultura no 1º andar do Pazo da Cultura, entre as 11.00 e as 14.00 horas, ben en persoa ou por teléfono no número 981 704 300. O prezo das entradas é de 3 € prezo ordinario e 2 € prezo reducido para os menores de 12 anos e maiores de 65.

Compartir: