Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz verde na xunta de Goberno para o contrato de...

APROBADO O EXPEDIENTE PARA A XESTIÓN DO HORTO INFANTIL

Luz verde na xunta de Goberno para o contrato de obras de "Mellora da capa de rodadura no lugar de Cances Grande"

Luns 19 de decembro do 2016

Cances

Vista dunha vía en Cances

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar a adxudicación do contrato administrativo de obras de "Mellora da capa de rodadura no lugar de Cances Grande" á empresa Construcciones López Cao SL. O prezo de adxudicación é de 42.350 euros (IVE incluído) e o prazo de execución previsto é de dous meses a partir do día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación de reformulo. As obras inclúen a dotación dunha capa de rodadura a base de pavimento de formigón. Así mesmo, recreceranse as tapas dos pozos, arquetas e canles e crearanse sumidoiros que queden debaixo da nova capa de rodadura. Procederase á limpeza e perfilado das beiravías e nalgúns casos crearase unha ampliación de 50 centímetros, co obxectivo de mellorar a circulación cando non se chegue ao ancho mínimo para manter a suficiente seguridade viaria. A actuación tamén inclúe, nas zonas en que sexa necesario, a dotación da rede de saneamento e abastecemento correspondente.

Os traballos en Cances inclúen a ampliación das beiravías naqueles treitos nos que non se cumpra cos requirimentos para manter a seguridade viaria

No apartado de contratación tamén se aprobou o expediente para o contrato administrativo de servizos de "Xestión do Horto Infantil Ecolóxico de Carballo". Entre os criterios de adxudicación terase en conta a avaliación do proxecto técnico, así como a oferta económica, a achega de material e equipamento ou o plan de formación. O orzamento do contrato ascende a 36.300 euros (IVE incluído) e o período previsto para a duración do contrato é de tres anos sen posibilidade de prórroga.

Outros asuntos

Entre os asuntos de trámite hai que mencionar unha modificación para a corrección de erros no expediente do contrato administrativo de servizos de "Axuda no fogar no Concello de Carballo" no apartado do modelo de oferta económica; así como unha pequena modificación na data da solicitude de prórroga da subvención para a contratación de persoal na oficina de Turismo. Ademais, aprobouse a listaxe de comercios que participan no concurso de escaparatismo de Nadal 2016, un total de 28; e fóra da orde do día recibiu luz verde o programa do Nadal Cultural 2016.

A sesión tamén supuxo a autorización de tres vaos permanentes na Avenida de Malpica, a aprobación dunha licenza de obra e de dúas licenzas de parcelación.

Compartir: