Inicio Carballo ao día Hemeroteca Volve "Semecachadescóntovos", a...

UN TOTAL DE 63 NEGOCIOS DA VILA PARTICIPAN NA INICIATIVA

Volve "Semecachadescóntovos", a campaña do comercio que reparte descontos, agasallos e experiencias coas compras de Nadal

Xoves 15 de decembro do 2016

Semecachadescóntovos

Un momento da presentación da campaña

Un total de 63 comercios de Carballo participan este Nadal -entre o 16 de decembro e o 5 de xaneiro- na campaña "Semecachadescóntovos", unha proposta na que as persoas que visiten as tendas co distintivo e realicen unha compra superior a 30 euros terán como agasallo unha artística tarxeta ilustrada por Laura Tova. No reverso da tarxeta hai un rasca onde o rato que volve a protagonizar a campaña, ao igual que o fixera en 2015, agocha unha morea de agasallos para este Nadal: descontos do 10 ou do 15 por cento nas compras, chapas, mochilas, cadernos, o CD "O soño da avelaíña" de Son Carballo, e sedutoras experiencias como almorzos, xantares e ceas nos locais hostaleiros da vila (coa colaboración dun total de 20 co selo Q de calidade turística de Carballo) ou baños termais no Balneario de Carballo.

De novo, as ilustracións de Laura Tova son as protagonistas da iniciativa, cun ratiño que desta volta vén acompañado dun paxariño

E se o ratiño zafa, non hai que desesperar, xa que mercando e novo podes xuntar as 6 tarxetas ilustradas, que este ano, ademais do ratiño, incorporan a figura dun paxariño "que voa polas rúas de Carballo", segundo explica Santiago Pazos, outro dos artífices da parte creativa da campaña xunto con Laura Tova. Todas as tarxetas xuntas contan unha bonita historia. Dende o Concello, tanto o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, como a técnica responsable da campaña, Paula Lema, subliñan que este ano participan aínda máis establecementos que o ano pasado e agradecen a súa colaboración. A todas estas tendas, hai que sumar as 28 que participan no concurso de escaparates, este ano cunha grande calidade. O xurado xa comezou o 14 de decembro a avaliar as propostas.

Concurso en Facebook

Semecachadescóntovos

Por último, e tamén para incentivar as compras no comercio local, a campaña inclúe a posta en marcha dun concurso de fotografía en Facebook. Para participar, tan só hai que enviar, a través do Facebook Turismo Carballo unha foto sacada nalgún dos comercios que colaboran na campaña. Ademais do local, ten que verse algún elemento identificativo, como o cartel, un díptico, unha posta. Logo, hai que subir a foto ao Facebook e etiquetala co nome da tenda, os datos persoais e un enderezo electrónico. Ademais, podedes compartir a vosa foto nas redes ou ben votar e compartir sen participar no concurso. Podedes subir as fotos do 16 de decembro ao 6 de xaneiro, gañando a foto que máis votos obteña. O premio, un lote de produtos de Laura Tova e un 50 por cento de desconto nas próximas compras na tenda da fotografía, ata un máximo de 300 euros. Sorte!

Por último, "Semecachadescóntovos" conta este ano coa animación teatral de Galeatro, que ademais de visitar todas as tendas participantes, animará á xente pola rúa. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, explicou durante a presentación da campaña que esta pretende ser unha simbiose "entre o sector artístico e o resto da sociedade", con creadoras como Laura Tova, moi valorada como artista e deseñadora gráfica. Tamén desexou que este ano sexa un novo éxito e que xente siga a mercar en Carballo.

Compartir: