Inicio Ano do Xestal Novas Carballo volve a concorrer á...

XUNTANZA: LUNS 14 DE NOVEMBRO ÁS 11.00 HORAS

Carballo volve a concorrer á estratexia DUSI de fondos europeos e convoca ao tecido empresarial para que axude a construír o "Carballo do futuro"

Venres 11 de novembro do 2016

Xuntanza EDUSI decembro 2015

Unha das xuntazas celebradas durante a primeira convocatoria da estratexia DUSI

O Concello de Carballo está a redactar un documento de Estratexias de Desenvolvemento Urbano, Sostible e Integrado (EDUSI) para concorrer á segunda convocatoria de fondos FEDER da Unión Europea para aqueles concellos e administracións de máis de vinte mil habitantes que non foron seleccionados até o de agora. Na valoración técnica da comisión avaliadora ten importancia relevante a participación do conxunto da sociedade na elaboración do mesmo. Na primeira convocatoria, elaborada a finais de 2015, o Concello quedou tan só a dous puntos da consecución dos fondos. Por iso, a administración local, consciente das fortalezas e feblezas do proxecto inicial, abre agora a participación a máis sectores sociais e dinamizadores da actividade económica do concello e comarca.

O obxectivo é conseguir unha cidade limpa, sustentable e inclusiva, na que todos os seus habitantes podan gozar dela

Con este obxectivo, o Concello convoca unha xuntanza de empresarios e representantes empresariais para avaliar a nova proposta DUSI desta segunda convocatoria. A cita está prevista para o luns 14 de novembro ás 11.00 horas na Casa do Concello e ademais de convidarse a representantes do tecido empresarial, que expresarán as súas opinións, a reunión contará coa presenza e asesoramento do profesor da Universidade da Coruña (UDC) Horacio Naveira Fachal, con Braulio Pérez Astray (adxunto a xerencia) e con Juan José Gómez Romero, responsable da FUAC, Fundación Universidade A Coruña (relacións empresa-universidade).

Obxectivos do proxecto

O obxectivo é conseguir unha cidade limpa, sustentable e inclusiva, na que todos os seus habitantes podan gozar dela tendo como horizonte temporal o ano 2022. Para iso, artellaranse actuacións ao redor de retos económicos, ambientais, climáticos, demográficos e sociais.

Así, entre outras, buscaranse medidas para o fomento do emprego e o impulso aos emprendedores, mellorarase o acceso ás novas tecnoloxías da información e da comunicación, implantarase un Plan de Mobilidade Urbana sustentable, buscarase a mellora da eficiencia enerxética e promoverase unha rede comercial de empresas baixa en carbono, crearase un programa de protección do medio ambiente e do patrimonio, crearanse plans para mellorar a calidade do aire e reducir o ruido urbano ou para faveorecer a inclusión de colectivos menos favorecidos a través de novos nichos de emprego e a alfabetización dixital.

Opina e participa!

O Concello anima a todos os veciños e veciñas, e, nomeadamente, a todos aqueles representanes do tecido empresarial, a que participen, ben na xuntanza do luns 14, ben a través da enquisa dispoñible online. Cúbrese en 5 minutos! Ademais, tendes outras opcións para opinar. Podedes escoller unha ou abordalas todas, aínda que agradecemos especialmente que cubrades a nosa enquisa, na que se abordan os principais temas do proxecto:

- Participar nunha enquisa online que non leva máis de cinco minutos clicando aquí.
- Enviando suxestións ao enderezo electrónico <carballodofuturo@gmail.com>.
- Opinando a través de Facebook, clicando aquí.
- Opinando a través de Twitter en <@carballo_gal> co hashtag #CarballodoFuturo

Precisamos da opinión de todos os veciños e veciñas! Axudade a construír o Carballo do futuro!

Compartir: